Ucraína prepárase para a guerra. Os membros do Corpo Nacional, un partido político de extrema dereita, están a ensinar aos civís a manexar armas para defenderse dunha eventual invasión rusa. Mentres tanto, a un centenar de quilómetros da fronteira rusa, as forzas da OTAN xa comezaron a realizar manobras e exercicios. Case 1.400 soldados británicos, franceses e estonianos, están a explorar o territorio e perfeccionando as súas habilidades operativas habituándose ao clima extremo. As tropas de elite estadounidenses, 1.700 soldados anunciados polo presidente Biden, aterraron xa en Polonia e foron despregadas na fronteira con Ucraína, baixo o mando do xeneral estadounidense que foi o último en saír de Afganistán este verán. Washington planea despregar outras forzas tamén en Romanía e Alemaña, como proba tanxible do compromiso de Estados Unidos cos seus aliados europeos e da OTAN.
Nas filas do Exército ruso tamén hai adestramentos. Calcúlase que Moscova despregou polo menos 100.000 soldados na fronteira con Ucraína e agora está a realizar manobras na rexión fronteiriza con Finlandia e Estonia. A zona norte ucraína quedou cuberta o sábado, co envío dun par de bombardeiros nucleares de longo alcance a patrullar sobre a veciña Bielorrusia. Rusia negou os seus plans de atacar Ucraína, pero instou a EE.UU. e aos seus aliados a que se comprometan de forma vinculante a non aceptar a Ucraína na OTAN nin a despregar armas ofensivas e a facer retroceder os despregamentos da alianza en Europa do Leste.