Un ataque informático deixou expostos datos persoais do rexistro de mascotas da Xunta

1 minutes read

O ciberataque que pode afectar ao rexistro de animais de compaña foi notificado pola Amtega a Medio Ambiente e esta consellería vén de facelo público en cumprimento do regulamento de protección de datos. Segundo sinala, o “ciberataque externo” consistiu no “roubo de credenciais a algunhas persoas usuarias, e tivo como consecuencia que persoas alleas á xestión do citado rexistro tiveron coñecemento das credenciais de acceso, polo que existe a posibilidade de que tamén accederan á información contida nel”.

A información que segundo a Xunta podería estar afectada polo ciberataque serían datos e documentos tanto das persoas propietarias de animais como dos veterinarios implicados nos procesos de rexistro. Estes datos deixan expostos DNIs, direccións postais, documentación relacionada como “póliza de seguros”, “documentos nacionais de identidade escaneados”, certificado de custodia do animal por separación ou divorcio ou autorizacións aos veterinarios.

Desde hai dúas décadas todos os cans e todos os animais potencialmente perigosos deben estar identificados individualmente cun microchip. Os seus datos e diversa información e documentación das persoas propietarias quedan inscritos no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac), xestionado pola Consellería de Medio Ambiente. Eses datos, entre os que hai documentos de identidade escaneados ou pólizas de seguros, veñen de quedar expostos tras un ciberataque do que agora alerta a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Este non é o primeiro caso no que se ve exposta a deficiencia na seguridade informática pública da Xunta de Galicia, xa que este pasado verán tamén a televisión pública, a CRTVG, sufriu un ciberataque que inhabilitou parte dos seus servizos e deixou igualmente expostos datos sensibles.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?