Un bregador Obradoiro finiquita o refacho andorrano

4 minutes read

Importantísima vitoria de Obradoiro por 81 a 73 ante MoraBanc Andorra, en partido disputado no compostelán Fontes do Sar.

Volve o conxunto local á senda da vitoria tras a súa derrota pola mínima en Gran Canaria e a da fin de semana pasada no Palau blau semente, #ante o todo poderoso FC Barcelona. Pola súa banda, o conxunto do Principado viña en refacho cunha dinámica gañadora, vencendo con solvencia ao Real Madrid a domicilio e ao Joventut en casa. Comezaba o encontro cun Obradoiro concentrado e lanzado a por a vitoria sen especular. Foi quen de deixar en tan só 14 puntos no primeiro cuarto ao seu rival como consecuencia dunha boa defensa, minimizando as perdidas e tendo maior acerto anotador. Corrixindo os erros dos dous últimos partidos.

Arrincaba cun 4-0 a 1:05 do inicio, tras canastra do inconmensurable Scrubb (22 puntos, 7 rebotes, 2 asistencias e 25 de valoración) quen anotaba tras captura do seu propio rebote. Xa no ecuador do primeiro acto, o MVP Birutis (19 puntos, 6 rebotes, 2 asistencias e 29 unidades de valoración) anotaba tras un “ coast to coast” sensacional, para poñer o 12-6. Reaccionaba MoraBanc con Arteaga (14 puntos, 3 rebotes e 14 de valoración) en pista, quen encarnaba o caudal anotador e cun 0-6 de parcial pasabamos, nun dicir amén, dun tranquilo 20-8 a un perigoso 20-14, acendendo as alarmas do equipo santiagués. Conxurábanse os de Moncho Fernández que pechaban o cuarto con 4-0 de parcial, situando no luminoso o 24-14 e dez puntos de diferenza para os locais.

O segundo cuarto continuou, de inicio, coa tónica dominante dun Monbus Obradoiro moi serio e concentrado. Birutis anotaba tras unha asistencia do mago Hobbs (15 puntos, 4 rebotes, 9 asistencias, para asinar 24 unidades de valoración), quen completaba o trio de curmás doas con Scrubb e o propio lituano, establecendo o 31-20 no minuto 3:20 do acto. Chegaban os composteláns para poñerse cunha diferenza de 17 tras os triplos seguidos de Hobbs e Scrubb. Segundo tempo morto de Eulen e os de amarelo reaccionaban da man dunha grandísimo Miller- McIntrye (21 puntos, 3 rebotes, 9 asistencias e 22 de valoración), poñendo no marcador o 46-35 que sinalaba o camiño aos vestiarios. Once alarmantes, pero non definitivos puntos de diferenza e a lamerse as feridas ao descanso. Tras a pertinente arenga do coach visitante prodúcese a espectacular reacción de Andorra.

E é que, a pesar do espellismo do canastón a aro pasado de Thomas Scrubb, bailando a Crawford no minuto 1 do terceiro acto, chegou o vendaval dos do Principado pirenaico. 2+1 de M. Diagné (8 puntos, 2 rebotes e 4 de valoración) con 54-44 para baixar a diferenza e achegarse no electrónico 7 puntos, tras unha mala defensa de Ellenson, que xogaba de 5 por esixencias do guion, pois Birutis tomaba alento e o seu substituto natural ergo Okouo quentaba banco. Porfiaba MoraBanc e un triplo de Miller- McIntrye establecía o peligrosísimo 54-51 no minuto 5:45. Que aínda foi peor, cando outro triplo de Moussa Diagné daba a volta ao marcador por primeira vez no partido, adiantando ao equipo visitante 56-57 a 1:44 para finalizar o terceiro cuarto. De aí á conclusión estirábase a diferenza e o luminoso sinalaba 57-61. Andorra fora capaz de levantar 17 puntos de diferenza, darlle a volta ao marcador con 4 ao seu favor e gañar o parcial 11-26. Con todo, Obradoiro non veu abaixo e foi quen de repoñerse e reaccionar sen caer no nerviosismo. Axustou o seu defensa con gran éxito e minimizou as perdas. Volvían poñer por diante os locais con 63-61 tras unha bombita do de sempre, Scrubb, no minuto 2:40.

O partido pelexábase en cada mínima acción. Presumíase a chegada inminente dun final non apto para cardíacos e así foi. Con 68-68 Hobbs anotaba unha tripla clave no devir do encontro e disparaba en 3 a diferenza local con 71-68. A falta de 1:41 Hannah fai auga co seu intento triplo e Diagné sae voando polo fondo do pavillón sen, afortunadamente, nin lesión nin incidencias. A 7 segundos, na última arrancada visitante con 77-73, fallan o triplo e o rebote do partido é para Obradoiro. De aí ao final os galegos anotan 4 puntos máis como consecuencia de faltas persoais e os seus respectivos tiros libres. Conclusión: sétima vitoria de Obradoiro que se pega como a cotra ao vagón da permanencia e gaña unha das finais previa ao parón da Copa do Rey.

Resaltar a descomunal “minutada” que se pegaron o teóricos titulares e a limitada achega da denominada segunda unidade, con algúns xogadores con presenza meramente testemuñal. Algo a ter en conta e a resolver, pois unha óptima xestión do fondo de armario non é cuestión baladí. Próxima estación, mércores 16 de febreiro ás 20:30 horas e novamente en Sar, ante o Betis, na segunda final consecutiva previa ao parón copeiro. A por a oitava.

ALEJANDRO LUIS OTERO JAMARDO