Un correúdo Obradoiro cae na Fonteta ante Valencia

2 minutes read

Por 10 puntos de diferenza caía derrotado Monbus Obradoiro na Fonteta ante Valencia basket. Un 86-76 final máis amplo que o reflectido na pista, onde un correúdo Obradoiro loitou e puxo en dificultades aos locais, quen decantou a balanza ao seu favor mercé ao talento e calidade individual das súas estrelas, diluíndo o gran traballo coral visitante. Un equipo con caché de Euroliga e que quintuplica en orzamento aos galegos.

O partido tivo as súas claves primeiramente no rebote, onde Valencia capturou 36 por 31 Obradoiro. Sendo especialmente sanguentas as capturas ofensivas con 15 taronjas. Seguido das 14 perdas de balón, o cal lastrou de forma inevitable a posibilidade de vitoria galega. Mención especial negativa para as 3 veces que Obradoiro esgotou o tempo de saque. Algo difícil de lembrar nunha partido ACB.

Comezaba o equipo compostelán aproveitando a ausencia de Dubljevic con boas circulacións e unha gran defensa. Terminaba o primeiro cuarto 21-22 para os de Moncho Fernández. Como sempre, un Kravic sensacional, novamente o mellor do partido con 21 puntos, 15 rebotes, 4 asistencias e 3 tapóns asinaba 38 de valoración. Expediente que non se vía desde 1994 cando o facía un tal Arvydas Sabonis. E é que, a día de hoxe, o serbio é o xogador con maior regularidade na excelencia, ademais de efectivo e competitivo. Todo un luxo contar co bo de Dejan.

No segundo cuarto o montenegrino Djubljevic levaba aos seus polo aire. Xogou e fixo xogar, aumentando o ritmo e intensidade para goce da afección local, que contaba este sábado, con Miguél Indurain na bancada como espectador de excepción. Selando o paso por vestiarios cun 39-37 para os de casa.

Tras o descanso, o partido torcíase para os intereses do cadro galego, que vía como o partido estaba preto de romper. Tempo morto do coach Moncho quen chamou a capítulo aos seus para cortar a sangría de puntos en contra. Calloway, ben o sábado, sobre todo en anotación e o sempiterno Kravic, que seguía ao seu, sostiñan ao Obra.

O último cuarto foi un carrusel de sensacións. Loita e entrega visitante contrarrestada por canastras precedidas de rebotes ofensivos taronjas. Aínda así, Aleix Font, que cada día vai a máis, poñía o 67-65 cunha gran canastra. Czerapowicz, facía tamén o propio pero máis preto do final, 71-69, minuto 37 e todo por decidir.

Novamente Djubljevic asumía o seu rol e tiraba de oficio lucindo galóns. Sucesión final de visitas á liña de tiros libres por parte dos locais acabando co indicio de reacción compostelá. Unha falta en ataque de Pepe Pozas seguida de canastra valenciana pechaba o encontro, o cal finalizaba cunha canastra anecdótica de Guillem Vives desde 12 metros no último segundo. Vitoria local que aumenta as posibilidades do Valencia basket de acceder á Copa do Rey.

Próximo partido en Sar contra Real Betis, o domingo ás 12:30 h. Rival directo onde a vitoria non pode escapar.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO