París ten o corazón en carne viva tras ver como as chamas consumiron boa parte da catedral de Notre Dáme. Un incendio devorou o teitume e parte do interior do templo, un dos monumentos máis emblemáticos da capital francesa. No seu tellado estaban a realizarse obras de restauración desde hai tempo. Segundo os bombeiros, eses traballos de rehabilitación poderían estar relacionados coa orixe do lume, que comezou pouco antes das sete da tarde deste luns, xusto despois de que o monumento relixioso máis visitado de Europa pechase as súas portas ao público. Centos de bombeiros acudiron inmediatamente ao lugar para tratar de apagar as chamas. O presidente francés, Emmanuel Macron, anulou a mensaxe que ía dirixir á nación esta mesma noite para anunciar importantes decisións políticas e desprazouse ata a zona para seguir persoalmente os traballos de extinción. Durante horas existiu un “risco real” de derrube, aínda que á noitiña, os bombeiros emitiron unha mensaxe no que afirmaban que lograran salvar a estrutura do edificio. A noticia deu a volta ao mundo, desde onde chega unha fervenza de mensaxes de pesar e de mostras de solidariedade co pobo francés. A Unesco, que, precisamente ten a súa sede en París, emitiu unha mensaxe no que lamenta o ocorrido e ofrece a súa colaboración para “salvagardar e rehabilitar a Catedral de Notre Dáme, un monumento gótico do século XII que foi declarado Patrimonio da Humanidade en 1991. Os bombeiros trataron de salvar das chamas obras de arte de incalculable valor que se atopaban no interior do templo. Á noitiña, dolorida e desfigurada, a cidade de París non pode conciliar o soño.
78