Un equipo médico do CHUS gaña o I Premio Ramiro Carregal de enfermidades valvulares cardíacas

CEDIDA

  • O galardón pretende contribuír a “xerar novo coñecemento en patoloxías que afectan as válvulas do corazón»

Este martes o Xurado do Premio Internacional de Investigación en Cardioloxía “Enfermidades valvulares cardíacas Ramiro Carregal” anunciou o fallo desta primeira edición, que finalmente recaeu no proxecto presentado polo equipo que lidera Diego López Otero, do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

O premio, dotado con 20.000 euros, suporá unha importante axuda para o proxecto, denominado “Impacto prognóstico da amiloidosis cardíaca en pacientes con estenosis aórtica severa sometidos a implante percutáneo de válvula aórtica”. A gala de entrega do Premio terá lugar o día 15 de outubro no Hostal Parador de Santiago de Compostela.

O Xurado do Premio tivo en conta á hora de valorar os traballos presentados a calidade científico-técnica e de viabilidade da proposta e a relevancia científico-técnica dos obxectivos expostos. Tamén se valorou o currículo tanto do investigador principal como do propio grupo e as súas publicacións. En base a todo isto obtivo a maior puntuación o proxecto da amiloidosis cardíaca de Diego López.

O Dr. José Ramón González Juanatey, catedrático de Cardioloxía e xefe de Servizo de Cardioloxía e UCC do CHUS destaca a necesidade de investigar as patoloxías que afectan as válvulas do corazón “que supoñen xa a terceira causa de enfermidade cardíaca”. Segundo indicou na presentación do Premio, estas patoloxías están moi ligadas ao envellecemento –especialmente a estenosis aórtica–, polo que supoñen “un auténtico problema de saúde” para a nosa sociedade.

Precisamente o traballo premiado ten como obxectivo principal “coñecer o impacto prognóstico, en termos de mortalidade e regresión, da causa funcional que produce a amiloidosis cardíaca sobre os pacientes con estenosis aórtica severa aos que se lles implanta unha prótese aórtica percutánea (TAVI)”. Segundo indica Diego López na súa proposta, “crese que entre un 15 e un 30 % dos pacientes tratados con TAVI presentan tamén amiloidosis cardíaca, a maioría sen diagnosticar”, o que conleva numerosos prexuízos tanto para o propio sistema sanitario como para o paciente.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha