Mercedes Peón ofrecerá o próximo día 29 de xuño na contorna da Torre de Hércules un espectáculo musical exclusivo con motivo do décimo aniversario da elección deste monumento como Patrimonio da Humanidade. O concerto, organizado pola Concellería de Cultura da Coruña en colaboración co Consorcio de Turismo, será de entrada libre e estará deseñado especialmente pola instrumentista galega para esta data co fin de facer un discurso musical e artístico sobre o faro, a súa historia e a súa lenda.
O evento, titulado Achégate a min, comezará ás 23:30 horas e nel Peón aplicará á contorna natural da Torre de Hércules os esquemas creativos do seu último traballo discográfico Deixaas, realizado con Mónica de Nut e Ana Fernández.

Antes do concerto terá lugar o espectáculo audiovisual Luz e son de Hércules, que se proxectará nas paredes do faro e que realizará un repaso sobre a historia e a mitoloxía do mesmo. A proxección nocturna terá unha duración de 15 minutos e fará un percorrido cronolóxico da historia do monumento.+praza.gal