Un frouxo Vecindario case mete en apertos ao Calvo Xiria BM


Nova cita co balonmán de altura a vivida este sábado en Carballo, sobre a cancha do Pavillón Vila de Noia medíanse o equipo canario do Vitaldent Vecindario e o Calvo Xiria balonmán. A priori, o equipo carballés demostrou, no que levamos de tempada, ser moi superior ao canario, polo que partía de favorito, e así foi. O Calvo Xiria fixo unha primeira parte de trámite dominando claramente en xogo e resultado de principio a fin, con moi boas recuperacións de bóla, que tan só o porteiro visitante, Carlos Sánchez, se encargaba de bloquear en máis dunha ocasión, evitando un resultado moito máis avultado, aínda así, o equipo que adestra Adrián Dubra, chegou ao descanso cunha vantaxe de 10 goles, 18-8.

Tras a continuación, todo indicaba que o encontro se ía a durmir e o Calvo Xiria levaría a contenda sen baixar do autobús, pero non foi así, o Vecindario enchufouse no partido aproveitando e celebrando os erros defensivos e a perda de balón dos carballeses como vitorias sumando a pouca finura do ataque local, e a falta de 8 minutos situáronse a dous goles 30-28. Unha recuperación do Xiria cun disparo ao pau de Edu animou a cancha local que disparou de novo o dominio cun gol de Jorge aos poucos segundos. A presión dos canarios quedouse só niso, en presión, e o Calvo Xiria levou o partido un pouco apurado, 35-28, pero levouno. En dúas partes diferenciadas, unha para cada equipo, que non convidan á relaxación.