Dous tripulantes tiveron que ser rescatados polos equipos de emerxencia despois de que a embarcación na que viaxaban quedase sen goberno tras o contacto cun grupo de orcas.
O 112 Galicia recibiu aviso do suceso ás 17:05 horas deste xoves. Segundo a información facilitada polos xestores de emerxencias, os ocupantes da embarcación alertaban de que un grupo de orcas se atopaba arredor do barco, que permanecía sen timón e, polo tanto, sen capacidade de manobra.
Ante esta situación, desde a sala do 112 Galicia informouse a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia. Tamén se deu aviso á Garda Civil, ao GES de Ortigueira e aos efectivos de Protección Civil.
Como consecuencia do incidente, Salvamento Marítimo e Gardacostas de Galicia mobilizaron varios medios marítimos, ademais do helicóptero Helimer. Finalmente, os dous tripulantes puideron ser rescatados en bo estado de saúde.
A embarcación, pola súa banda, non puido ser recuperada e acabou afundíndose por completo a unhas tres millas da costa de Mañón.