Un home perdeu a vida este xoves ao quedar atrapado debaixo do tractor que estaba a manexar despois de que o vehículo caese desde un camiño a unha leira, no termo municipal ourensán do Barco de Valdeorras.
Os feitos sucederon en Coedo, segundo a información recollida no 112 Galicia, foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Valdeorras para liberar ao varón accidentado. Deste xeito, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Valdeorras empregaron o material de excarceración, pero o persoal desprazado de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 tan só puido confirmar o falecemento do condutor do tractor.
Cómpre salientar que neste operativo tamén interviñeron, tras ser alertados polo 112 Galicia, os axentes da Garda Civil, os efectivos do GES de Valdeorras e os voluntarios de Protección Civil do Barco.