Un home perdeu a vida en Vedra tras ser atropelado pola súa propia furgoneta e quedar atrapado debaixo do vehículo nunha zona de pendente, na parroquia de Trobe.
Unha persoa particular contactou co 112 Galicia para dar conta dunha persoa que fora alcanzada polo seu propio vehículo e engadía, na súa comunicación, que estaba atrapada debaixo do mesmo.
Acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia requiriron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazou ata o lugar do accidente un equipo médico nun helicóptero. Pese aos esforzos por salvarlle a vida, tan só puideron confirmar o falecemento do home.
Tamén, para liberar á persoa, ao lugar acudiron os membros do GES da Estrada. Ademais, informouse aos Bombeiros de Santiago e de Ordes, á Garda Civil e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vedra.