Contra as catro e media da tarde deste domingo atoparon o cadáver do condutor dun camión tipo Mafi, utilizado para elevar cargas nos portos, que caeu ao mar no peirao de Vilagarcía. O corpo foi localizado aboiando na dársena. Un remolcador de Salvamento Marítimo encargouse de retiralo da auga.
O servizo 112 recibiu o aviso da caída ás 12:46 horas deste domingo. Ao lugar trasladáronse distintos efectivos para proceder ao rescate.
Desde Salvamento Marítimo, precisaron que mobilizaron distintos equipos, entre eles a Salvamar Pollux, así como un barco de Gardacostas.
Tamén mergulladores do GEAS da Garda Civil participaron no dispositivo para tratar de localizar o operario. Isto, xunto con outros medios desprazados á zona. Ao parecer, o condutor estaba a coller unha curva cando caeu ao mar co vehículo.
Tras o suceso un guindastre intentou mover a cabeza tractora do camión por si o traballador aínda permanecía no interior. Un labor que non foi posible, xa que o camión quedou a 14 metros de profundidade nunha zona de lodo e coas rodas cara arriba. A cabina quedou somerxida no fango, o que dificultou as tarefas.
O condutor do camión, duns 60 anos e veciño da zona, estaba contratado por unha empresa externa que fai servizos para o porto.
Falece un motorista de 26 anos ao bater contra un coche en Ourense
Un motorista de 26 anos, veciño de Cortegada, faleceu este domingo nun accidente de tráfico ocorrido na cidade de Ourense. O seu vehículo bateu contra un coche á altura do IES Ferro Couselo, na rúa Ponte Sevilla.
Segundo informa a Axencia Galega de Emerxencias, o sinistro rexistrouse ás 17:19 horas e ata o lugar desprazáronse axentes da Policía Local e persoal sanitario do 061. Unha nai e unha filla que viaxaban no turismo saíron ilesas.
Varias testemuñas aseguran que o coche xirou á esquerda e a moto, ao tentar adiantalo, bateu contra el. Ambas as dúas manobras están prohibidas nese punto, dado que hai liña continua.
Tras o choque, quedou pechada a circulación na zona do Piñeiral, en San Cibrao das Viñas, e no acceso principal de Expourense, onde se está a celebrar Funtastik-No limits, un parque multiaventura para público familiar.
