22
Un incendio urbano mobilizou na noite deste venres os servizos de emerxencia no barrio dos Castros, na Coruña. As lapas afectaron o primeiro andar dun edificio de oito pisos na rúa Francisco Vales Vilamarín. A propietaria e única ocupante da vivenda onde se iniciou o lume, unha muller de idade avanzada, saíu ilesa. Foi precisamente ela a que deu a voz de alarma pasadas as dez da noite.
Unha hora despois, tres dotacións de bombeiros do parque da Grela lograban sufocar as lapas e ventilaban o edificio. O inmoble quedou visiblemente afectado. Dúas persoas tiveron que ser trasladadas ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde foron atendidas con síntomas de inhalación de fume.