Unha persoa foi trasladada na tarde deste domingo debido ás diversas queimaduras sufridas nunha man a causa dun incendio na Rúa Costa do Castro, no concello lucense de Foz.
Foi a chamada dun dos moradores da vivenda o que alertou do incendio ao 112 Galicia. Indicaba que unha persoa sufrira queimaduras mentres trataba de apagar un lume orixinado nunha tixola ao lume.
Para sufocar o incendio, os xestores do 112 Galicia solicitaron a colaboración dos Bombeiros de Barreiros que, tras finalizar a súa intervención relataron que o lume calcinara parte da vitrocerámica, os mobles próximos e a campá extractora.
Así mesmo, os xestores do 112 Galicia informaron da situación aos axentes da Garda Civil, membros do GES de Cervo, Protección Civil e persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que trasladaron á persoa ao centro hospitalario de referencia.