Unha persoa faleceu e outras tres resultaron feridas nun accidente de tráfico con cinco vehículos implicados na autoestrada AG-55 ao seu paso polo termo municipal de Arteixo. A persoa falecida no accidente múltiple foi atropelada tras baixar do seu vehículo a auxiliar a outra que se saíu da vía.
Segundo os datos facilitados polo 112 Galicia e a Garda Civil de Tráfico, o sinistro tivo lugar sobre as 7,00 horas deste luns no quilómetro 18 da AG-55, a un quilómetro da saída de Paiosaco, sentido A Coruña. Foron varios os condutores que, sobre ás 7,00 horas, contactaron co 112 Galicia para avisar dun accidente entre cinco vehículos e cunha persoa posiblemente atrapada debaixo dun dos turismos. Por iso, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) 112 Galicia solicitou de inmediato a colaboración dos Bombeiros de Arteixo e de Carballo.
Tamén acudiron ata o lugar os servizos sanitarios de urxencia e a Garda Civil de Tráfico, así como axentes da Policía Local e de Protección Civil da localidade. O 061 confirmou o falecemento no lugar dunha persoa, mentres que unha ambulancia asistencial trasladou ao Hospital Quirón Santa Teresa a unha muller de 42 anos e a unha menor; e outra ambulancia trasladou ao Hospital A Coruña a un mozo de 26 anos, confirmaron fontes sanitarias. Ademais, foi necesaria a mobilización do persoal do servizo de mantemento da autoestrada para a limpeza da vía polos danos rexistrados.