Os Bombeiros de Pontevedra informaron ao 112 Galicia deste incendio tras ser alertados pola Policía Local. Segundo informaron ao 112 Galicia, ao fío das tres da tarde deste xoves, desprazábanse neses intres cara a Avenida María Victoria Moreno, na cidade de Pontevedra, por mor dun incendio nun piso e, posiblemente cunha muller atrapada no seu interior.
De inmediato, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e da Policía Nacional. Igualmente foron informados os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da cidade.
Así, nada mais chegar, os Bombeiros indicaron que na vivenda había unha muller e un home de 61 anos que estaba falecido. Engadían, ademais, que se tratou dun pequeno incendio na cociña pero que estaba toda a casa chea de fume.
Os servizos sanitarios tamén confirmaron ao 112 Galicia que na vivenda había dúas persoas, un home falecido e unha muller que non precisou ser trasladada.
Aínda que a Policía Nacional investiga as causas, as primeiras hipóteses apuntan a unha morte natural e que o incendio, de escasa entidade, se declarou despois, polo que non sería a causa do falecemento do home.