O servizo de teleasistencia, que coordina a Cruz Vermella, atende nestes momentos 5.800 maiores durante 24 horas os 365 días do ano. As novas tecnoloxías permiten dar un paso máis. A través dun sistema de telefonía móbil instalado en dispositivos, como pode ser un reloxo, permite a xeolocalización daquela persoa maior que o precise.
Ramón Bermúdez de Castro, enxeñeiro de Telecomunicacións: «Establécense áreas de seguridade para unha persoa que definirán os seus coidadores ou familiares no barrio ou nunha serie de metros arredor da súa casa se é na zona rural. A través do GPS podémolos localizar e disparar unhas alarmas no caso de saian deses lugares».
Canda este novo sistema poderanse instalar nos domicilios dos maiores sensores de fumes, gas ou apertura de portas. Tamén se fará un seguimento das citas médicas e reforzarase o servizo Sempre contigo de acompañamento a persoas que viven soas.