Un Obradoiro coa pólvora mollada cae en Zaragoza

4 minutes read

Saíu derrotado o Obradoiro por 83 a 70 ante Casademont Zaragoza, na súa visita ao pavillón Príncipe Felipe da capital maña, en partido disputado o pasado sábado ás 18 horas. Trece puntos de diferenza que supuxeron non só a derrota, senón tamén a perda do basket average.

Segundo partido despois do parón como consecuencia do covid19, onde a tan temida vaguada comentada por Moncho Fernández tras o subidón de adrenalina do partido anterior, fíxose realidade. E é que o lanzamento compostelán, nos últimos cinco minutos do encontro alcanzou o paroxismo do desacerto, dentro unha tónica xeral, xa asentada no erro.

Arrincou o partido con dominio compostelán, mercé ao acerto no control do contraataque aragonés e en ser capaz de igualar a batalla física. Dominaba Enoch (18 puntos, 7 rebotes, 1 asistencia e 24 de valoración), quen asinaba o mellor expediente Obradoirista. A diferenza era de 5 puntos no minuto 7 con 11-16 para os visitantes, ata que saíu o MVP do partido: Brusino (22 puntos, 5 rebotes, 1 asistencia e 25 de valoración) anotando 2 triplos consecutivos, dos 4 que asinaría no encontro de seis intentos. Volteaba o marcador o arxentino, respondendo Beliauskas cunha nova vantaxe visitante en xogada de 4 puntos. Para acabar este carrusel de idas e vindas con canastra de Ennis, finalizando así o cuarto cun punto de diferenza a favor dos locais, 23-22.

Comezaba o segundo cuarto coa igualdade como entidade dominadora. Obradoiro controlaba a súa materia pendente das perdas e mostrábase atento ao rebote (acabaría con 38 por 39 de Zaragoza). O partido estaba totalmente aberto. Emerxeu a figura de Birutis (14 puntos, 6 rebotes e 18 de valoración) con acerto na pintura, anotando canastras e forzando persoais, aínda que se mostrou excesivamente “ fallón” neste apartado. Incapaz de encestar ningún dos 2 tiros libres seguidos dos que dispuxo, ata en 2 ocasións. Diferente foi o grao de acerto que mostrou nos 2+1 que se lle presentaron.

Pasado o ecuador do cuarto, estirábase a vantaxe aragonesa cun novo arreón, con penetracións e acerto no tiro exterior. A pesar de todo, outra vez o acerto de Enoch e os poucos minutos bos dun Robertson, horrible o sábado, “tirando ata as zapatillas” con 0/9 en triplos, empataron o cuarto 17-17, mandando o partido a vestiarios con 40-39.

O terceiro cuarto funcionou a modo de resumo da primeira parte. Continuaba o intercambio de canastras e o dominio alterno no marcador. Mentres que Obradoiro, teimudo no fallo exterior, atopou solucións no rebote e anotación de Enoch, os maños con Sulaimon, tamén na pintura, salvaban os seus números. 47-47 no minuto 23, desde aí ata o final do terceiro cuarto chegáronse a asinar ata 6 igualadas consecutivas. E como non podía ser doutra maneira, 57 a 57 como guinda e antesala do último cuarto. levaba Obradoiro o parcial do terceiro por un punto de diferenza, 17-18.

Comezaban os dez minutos finais cun triplo de Barreiro (11 puntos, 3 rebotes e 12 de valoración) que parecía romper a inercia de igualdade, pero non foi así. Birutis anotaba un 2+1 e Pozas encestaba a súa única canastra do partido, triplo preto do ecuador do último cuarto. Respondía Enis (12 puntos, 7 rebotes, 4 asistencias e 12 de valoración) cun 2+1, e un Daum contestario, anotaba outro triplo para Obradoiro.

E sorprendentemente, nos últimos 5 minutos acabouse o Obra. A Robertson e Daum apagóuselles a luz, unha luz de seu moi tenue. Mesmo, no caso do canadense, case inexistente.

Aparecía a “enorme” figura de Brusino, quen anotaba dous triplos consecutivos e poñía en vantaxe aos de Sergio Hernández con 70-66 no luminoso, 4 de diferenza e tamén 4, pero minutos, por xogar. Asinaba a sentenza de morte para os galegos un novo triplo, esta vez de Harris quen poñía o 73-66 no minuto 37.

Sucesión de fallos, perdas e precipitacións que condenaron ao Obra á derrota. Nin sequera foron capaces de salvar un average de 11 puntos, o cal perderon na última xogada cunha sobresaliente canastra final dos locais.

Dura derrota dos de Santiago que durmiron en Zaragoza para iniciar viaxe con destino a Andorra, onde disputan o vindeiro martes 9 de febreiro, o primeiro dos 3 partidos aprazados pola pandemia.

Agardamos que coa lección da precipitación aprendida e listos para conseguir a tan ansiada oitava vitoria ante os do Principado.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO