A Agrupación Deportiva Un Paso Máis continúa a desenvolver os seus obradoiros gratuítos de xadrez educativo nos centros escolares de Bergantiños, nos que participan arredor de 800 alumnos e alumnas de Educación Primaria. A iniciativa alcanza o ecuador do seu calendario anual, consolidando a presenza desta actividade nos colexios destes catro concellos.
A proposta vai máis alá de aprender as regras do xogo. Cada partida ofrece a oportunidade de exercitar o razoamento lóxico, a concentración e a capacidade para resolver problemas, pero tamén de aprender a tomar decisións, valorar alternativas e asumir as consecuencias dos propios movementos.
Estas habilidades conectan con algúns dos retos que afronta o sistema educativo, como a comprensión lectora, o razoamento matemático e a resolución de situacións complexas, presentes nos debates suscitados polos informes PISA. O xadrez permite abordar estes aspectos dunha maneira práctica e participativa, relacionando os movementos no taboleiro coas matemáticas, a orientación espacial e a interpretación de símbolos.
A programación adáptase ás diferentes etapas de Primaria e incorpora actividades vinculadas ás Matemáticas, á Lingua e á Literatura, ás Ciencias Sociais e á educación en valores. A intención é que o alumnado non se limite a memorizar regras, senón que comprenda o que fai, explique as súas decisións e descubra novas formas de afrontar os problemas.
A experiencia tamén permite traballar cuestións que forman parte da convivencia diaria nos centros: respectar as quendas, xestionar a frustración cando unha xogada non sae como se esperaba e aceptar que outras persoas poden atopar solucións diferentes. O erro convértese así nunha parte natural da aprendizaxe, sen necesidade de evitar os retos por medo a equivocarse.
