A casa, de aluguer, estaba baleira polo que, afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais.
O 112 Galicia tivo constancia do suceso dez minutos antes das 07:00 horas da mañá deste domingo, unha persoa particular informaba, a esa hora, que ardía unha vivenda na rúa Navas, en Priegue, no concello de Nigrán. Esta alertadora relataba que caera un raio e vía lapas por unha fiestra da vivenda. Aseguraba que se trataba dunha casa de aluguer e que estaba baleira.
Ata o lugar, tras ser avisados polo 112 Galicia, acudiron de inmediato os membros do GES de Val Miñor. Igualmente foron informados os Bombeiros de Baixo Miño, de Vigo, a Garda Civil e a Policía Local.
Os membros do GES confirmaron a extinción do lume, indicaron que o incendio fora provocado por un raio que caera na vivenda. Ardeu o sistema eléctrico e toda a vivenda viuse afectada polo fume.
Salón calcinado en Ribadeo
Por fortuna, ningunha persoa resultou ferida nin afectada.
Segundo relataron os Bombeiros de Barreiros, a causa do lume foi unha manta eléctrica que calcinou o salón na súa totalidade quedando o resto da vivenda afectada polo fume.
Cando faltaban vinte minutos para as 00:00 horas deste domingo, un particular avisaba ao 112 Galicia de ver saír fume por dúas fiestras dun piso dun edificio de seis andares situado fronte a Praza de Abastos de Ribadeo, fronte ao Hotel Bouza. Outros alertadores indicaban que as persianas da vivenda estaban queimadas.
Desde ese intre, o 112 Galicia puxo en marcha un dispositivo de intervención formado polos Bombeiros de Barreiros, Garda Civil e Policía Local. Ademais, informouse dos feitos ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por se fose precisa a súa intervención, aos Bombeiros de Viveiro, ao persoa de incendios provincial e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
Finalmente, unha vez no punto, os Bombeiros comunicaron que extinguiran un foco cun extintor, ardeu o salón da vivenda e o resto do piso resultou afectado polo fume. Unha manta eléctrica puido ser a orixe do lume.
Así mesmo, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmou que ningunha persoa resultara ferida nin afectada.