O primeiro dos tremores tivo lugar na xornada do luns 8 de setembro, a área de sismoloxía do Instituto Xeográfico Nacional detectou ese tremor de terra na parroquia de Mira, no Concello de Zas cunha magnitude de 2,2 na escala de Richter. A penas se notou, xa que ocorreu a 21 quilómetros de profundidade ás 16:37 horas. Coincidindo con esa hora, unha parella de octoxenarios estaba sentada na cociña da súa casa na parroquia de Rus, en Carballo. Segundo o propietario e morador da vivenda, de súpeto o alicatado do chan comezou a estalar creando unha lomba que incluso impedía abrir as portas, levando un gran susto. Os sismos de baixa intensidade son relativamente frecuentes na Costa da Morte, de feito este xoves os sensores da área de sismoloxía do Instituto Xeográfico Nacional detectaron de novo un sismo de magnitude 2.7 preto do mesmo lugar de Zas, neste caso na parroquia de Lamas.
8