Unha delegación de inspectores e profesores de Matemáticas da Bretaña Francesa visitaron o IES de Baio

1 minutes read

O IES Maximino Romero de Lema, de Baio, recibiu a visita dun grupo de Inspectores e profesores de Matemáticas procedentes da Bretaña francesa, nunha xornada de intercambio e colaboración educativa. No encontro participaron tamén o inspector do centro baiés, Juan Antonio Granados Loureda, a Xefa de departamento de Matemáticas Luchy Mouzo e a asesora de Idiomas da Consellería de Educación Berta Gómez López.

Esta visita realizouse con motivo dos bos resultados acadados polo alumnado de Baio nas probas de avaliación de diagnóstico, que sitúan o centro como un referente en boas prácticas educativas.

A xornada comezou cunha presentación institucional a cargo da directora, Ana Facal, quen deu a coñecer as principais liñas de actuación, os proxectos educativos e as señas de identidade do noso instituto.

Posteriormente, a profesora de Matemáticas Raquel Bouza e a profesora de Pedagoxía Terapéutica Marta Nantón, explicaron o funcionamento da aula de Matemáticas en 2º da ESO, detallando a organización do grupo, a metodoloxía empregada e as medidas de atención á diversidade que se desenvolven para garantir un ensino inclusivo e de calidade.

A visita constituíu unha excelente oportunidade para compartir experiencias e fortalecer a cooperación internacional; e deste xeito, confírmase a calidade educativa deste IES de Baio e o compromiso de toda a comunidade escolar cun ensino rigoroso, inclusivo e orientado á mellora continua.