Unha delegación de senadores franceses visitou as instalacións de Sogama, en Cerceda

1 minutes read

No marco da visita ás instalacións de Cerceda organizada para unha delegación de senadores franceses, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, explicou que son varios os países europeos pero tamén do resto do mundo que se teñen interesado nos últimos anos por coñecer in situ o funcionamento interno e as técnicas empregadas neste complexo medioambiental. Neste contexto, a posición consolidada de Sogama como a planta de tratamento de residuos das súas características máis moderna e eficaz de toda Europa permitiu que Galicia se convertera, a día de hoxe, nun referente internacional e nun “espello no que mirarse” para outros países e rexións.

Ángeles Vázquez recordou que ao longo das máis de dúas décadas que Sogama leva en funcionamento non deixou de crecer nin de mellorar apostando polas técnicas máis modernas e avanzadas así como pola ampliación dunhas instalacións que se apoian nunha rede composta por 37 plantas de transferencia para dar servizo aos máis de 2,2 millóns de galegos que viven nos 295 concellos adheridos ao seu modelo.