Celtarys Research é unha empresa de base tecnolóxica que desenvolve e comercializa unha tecnoloxía innovadora que permite acelerar o descubrimento de fármacos. A nova firma, fundada en Galicia, está impulsada por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que conta co apoio da Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
A tecnoloxía de Celtarys achega valor nas etapas máis temperás do proceso de descubrimento de fármacos, deseñando e producindo ferramentas químicas fluorescentes, moi sensibles e específicas, mediante unha metodoloxía eficiente e respectuosa co medio ambiente. Trátase dunha tecnoloxía que permite substituír o emprego da radioactividade, ademais de implementar novidosas estratexias de screening baseadas na fluorescencia. Deste xeito, as ferramentas fluorescentes de Celtarys axudan ás compañías farmacéuticas a ser máis competitivas, acelerando o descubrimento de mellores fármacos.
O equipo promotor validou técnica e comercialmente esta tecnoloxía no marco do proxecto Fluorotools, apoiado polo programa Ignicia desenvolto pola Xunta en colaboración coa Fundación Barrié, no que estiveron traballando durante dous anos. Por outra banda, Celtarys Research forma parte das empresas impulsadas por BioIncubaTech, a incubadora de alta tecnoloxía para o fomento da innovación, que lles está proporcionando oportunidades de negocio, internacionalización e apoio de carácter técnico e legal.