Unha intervención artística transforma as Torres Hejduk do Gaiás nun faro xacobeo

1 minutes read
  • A instalación «En terra firme» aproveita as propiedades arquitectónicas das torres Hejduk para aloxar no interior da torre de cristal o pico dun faro inspirado nas xeometrías do mar e nas formas curvilíneas das fiestras da catedral de Santiago. 

Esta proposta creativa de Ana Núñez Rodríguez (Lugo, 1984) e Sebastián Sandoval Quimbayo (Bogotá, 1986) resultou gañadora do VIII Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado en 2020 entre os e as participantes do X Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura (EAN10). O certame, que conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell, está enmarcado na programación do Xacobeo 21-22 e ten como eixo o Camiño de Santiago, profundando na relación entre a Cidade da Cultura, a cidade de Compostela e o propio camiño xacobeo.

No acto de inauguración, o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, destacou que este concurso artístico “é un xeito de apoiar e dar visibilidade á arte contemporánea e aos artistas emerxentes, ofrecendo para a súa intervención creativa un espazo expositivo non convencional de gran recoñecemento e moi icónica do complexo da Cidade da Cultura, como son as Torres Hejduk, e a través dunha plataforma de apoio á arte contemporánea tan recoñecida como Encontro de Artistas Novos”.

O acto, que serviu como clausura ao EAN11, contou tamén coa participación do director rexional de Galicia Centro do Banco Sabadell, David Martis Sánchez; da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; do director do Encontro de Artistas Novos, Rafael Doctor; e dos 40 artistas emerxentes participantes nesta undécima edición do EAN.