Unha muller de 32 anos e un menor foron trasladados este mércores pola mañá a dous centros hospitalarios coruñeses despois de saírse da vía o vehículo no que circulaban e chocar contra unha árbore no municipio da Laracha. Segundo os datos facilitados polo 112 Galicia, este sinistro tivo lugar na parroquia de Coiro, no lugar de Os Muiños de Arriba, na estrada que comunica con Paiosaco.
Tras o aviso dunha persoa particular, o 112 Galicia mobilizou ao 061, aos Bombeiros de Carballo, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e a Protección Civil da Laracha. O 061 enviou ao lugar unha ambulancia de soporte vital avanzado e dúas de soporte vital básico para atender as dúas persoas. Un menor de 7 anos foi levado ao Hospital Materno Infantil Teresa Herrera e unha muller de 32 anos, inconsciente e cun forte golpe na cabeza, polo que nun principio temeuse pola súa vida, ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).