Unha muller faleceu en Agolada logo de ser alcanzada por un camión

1 minutes read

O camioneiro sentiu un impacto, pero tardou en darse conta que era unha persoa e non un animal debido á néboa mesta que había no lugar nese momento. Ocorreu pouco antes das cinco da madrugada deste luns, segundo explicou o condutor do camión a través da súa chamada de alerta ao 112 Galicia.

Notou perfectamente o impacto, e mesmo tiña danos no vehículo, pero a néboa intensa impedía dilucidar se era un animal ou unha persoa. 

Coa chegada dos axentes da Garda Civil de Tráfico, que recibiron o aviso por parte dos xestores do 112, confirmouse que se trataba dunha muller nova, que xacía xa sen vida. Así pois, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 só puideron confirmar o falecemento.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia tamén se informou aos membros do Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES) de Lalín, aínda que a vítima estaba liberada e accesible.