No accidente víronse implicados tres vehículos.
O 112 Galicia tivo constancia do suceso ás 18:00 horas deste venres. Foi un particular quen, a esa hora, chamou para pedir axuda. Informaba dun accidente entre tres vehículos, un deles envorcado, que circulaban pola CG-2.2, quilómetro 7, en Anseán, dirección Monforte, no concello lucense de O Corgo.
Así, tras recibir a chamada de varios alertadores, o 112 Galicia informou decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Sarria e a Garda Civil de Tráfico.
Ademais, os xestores de emerxencias puxeron os feitos en coñecemento do persoal de mantemento da vía e dos profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE).
Unha vez no lugar dos feitos, o persoal sanitario confirmou que unha persoa estaba falecida, dúas resultaron feridas graves e outras seis persoas resultaron feridas de carácter leve.
Finalmente, tras rematar a súa intervención, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia confirmou o falecemento dunha persoa e o traslado de nove feridos. Así mesmo, os Bombeiros indicaron que non tiveran que facer uso do material de excarceración pero si axudaron ao persoal sanitario a quitar do interior dun dos vehículos á muller falecida. Ademáis prestaron apoio aos sanitarios coa evacuación dos feridos e remataron a súa intervención coas tarefas de limpeza da vía.