Tamén foi evacuado en helicóptero un home que sufriu un atropelo no Grove.
O 112 Galicia rexistrou o accidente un cuarto de hora despois das 18:00 horas. Polo que indicaron varios particulares, unha muller fora atropelada no quilómetro 0,5 da EP-6201,a estrada que comunica Rodeiro e Antas de Ulla.
Con esta información, a Sala de Operacións do 112 Galicia informou ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense ata o punto. Tamén acudiu a Garda Civil de Tráfico e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Rodeiro.
Porén, logo da chegada dos servizos de emerxencias, estes non puideron facer nada por evitar o falecemento da vítima.
Evacúan en helicóptero un home que sufriu un atropelo no Grove
A aeronave medicalizada de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trasladouno ao Hospital de Santiago.
Foi un particular quen alertou ao 112 Galicia deste accidente ao fío das 16:30 horas: un coche acababa de atropelar un peón na avenida de Portugal (O Grove). O propio alertador informaba da posibilidade de que o implicado estivese inconsciente.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción dos servizos sanitarios, do Servizo Municipal de Emerxencias e da Policía Local do Grove.
Finalmente, o ferido foi atendido no lugar e trasladado no helicóptero medicalizado con base en Santiago.