O accidente producíase ás 9:30 horas deste sábado na VG-4.3, ao seu paso por Cambados, a vía de alta capacidade que une este concello con Vilagarcía de Arousa. Ocorreu no quilómeto 1, á altura da parroquia de Vilariño, onde colisionaron un camión cisterna e un turismo BMW. Sospéitase que o turismo, no que viaxaban as dúas mulleres falecidas, e veciñas de Sobradelo en Vilagarcía, invadiu o carril contrario.
O vehículo pesado, que transportaba mercadoría perigosa, perdeu combustible pero o accidente non afectou a carga. Porén, as dotacións de emerxencia tiveron que aplicar espuma para neutralizar riscos.
O sinistro obrigou a cortar o tráfico entre as saídas de Corvillón e Vilanova de Arousa. Na zona traballaron Urxencias Sanitarias, bombeiros de Ribadumia, GES de Sanxenxo, Garda Civil, Policía Local e Protección Civil de Cambados, Vilanova e Vilagarcía.