Unha nova senda peonil en Ponteceso unirá as praias do Osmo e A Ermida

1 minutes read

O Concello de Ponteceso continúa avanzando na mellora das infraestruturas turísticas do municipio coa execución da primeira fase da nova senda peonil que conectará as praias do Osmo e A Ermida. O alcalde, José Manuel Mato, explicou que esta actuación se enmarca na estratexia do goberno local para «seguir mellorando as infraestruturas turísticas e favorecer a chegada de máis visitantes ao noso municipio, ao tempo que ofrecemos á veciñanza espazos máis accesibles e seguros».

Esta primeira fase do proxecto permitiu mellorar a conexión entre ambos os areais, favorecendo a mobilidade peonil e contribuíndo á posta en valor dun dos espazos costeiros máis singulares de Ponteceso.

As obras foron executadas grazas a unha subvención da Axencia Galega de Turismo, unha colaboración que o rexedor cualificou de «esencial para continuar poñendo en valor o noso litoral e ofrecer tanto á veciñanza como ás persoas que nos visitan espazos máis accesibles, sostibles e atractivos».

Con esta actuación, o equipo de goberno reafirma o seu compromiso coa mellora dos equipamentos públicos e coa promoción dun turismo sostible, baseado na conservación e valorización dos recursos naturais do municipio.