Unha pastilla experimental fai remitir por completo a leucemia


A leucemia aguda avanzada remitiu por completo en 18 pacientes grazas a unha pastilla experimental, revumenib, segundo demostrou o equipo investigador do Centro Oncolóxico MD Anderson da Universidade de Texas nun artigo científico que se publicou este mércores na revista Nature. O estudo proba que a inhibición da menina —unha proteína— con revumenib, antes coñecido como SNDX-5613, produce respostas alentadoras nun tipo de cancro moi agresivo en lactantes, nenos e adultos, e para o que non existían tratamentos eficaces. A taxa de resposta global entre os 60 pacientes foi do 53%, e a taxa de remisión completa ou remisión completa con recuperación hematolóxica parcial foi do 30%, cun 78% de pacientes que lograron eliminar a enfermidade residual mensurable.