Unha persoa excarcerada tras envorcar o seu vehículo no Corgo

1 minutes read

Unha persoa tivo que ser excarcerada na madrugada deste domingo despois de sufrir un accidente de tráfico no concello do Corgo. O vehículo no que viaxaba apareceu envorcado no arcén da estrada nacional N-VI, á altura do quilómetro 484, na parroquia de Gomeán.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso ás 00:55 horas, grazas á chamada dun particular que, desde a súa vivenda, puido observar o coche envorcado e alertou de que podería haber persoas atrapadas no interior.

De inmediato, desde a sala de operacións informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Sarria e aos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Unha vez no punto, os Bombeiros tiveron que crear un pequeno oco para liberar á persoa atrapada, que posteriormente foi atendida polo equipo sanitario desprazado.