Unha persoa excarcerada tras unha colisión entre dous coches en Arteixo


Unha persoa resultou ferida esta tarde en Arteixo despois de que colidisen dous turismos. Segundo puido saber o 112 Galicia, a vítima tivo que ser excarcerada ao quedar atrapada no interior dun dos coches implicados no accidente.

O sinistro ocorreu na AC-552, concretamente no lugar de Larín, ao redor das 14:30 horas. Nese  momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do sucedido.

Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasaron o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Arteixo, á Policía Local e ao Servizo Municipal de Protección Civil.

Unha vez no lugar do accidente, os bombeiros empregaron o material de excarceración para liberar á persoa ferida e, finalmente, foi trasladada a un centro médico.

Atropelo
Por outra banda, na Coruña, unha persoa precisou asistencia médica ao ser atropelada por un autobús urbano na Avenida de Oza, concretamente na confluencia coa Ronda de Outeiro.

O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido ao fío das 13:45 horas, a través da chamada dunha persoa particular. Indicaba no seu relato que a persoa atropelada atopábase inconsciente.

Con estes datos, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Policía Local, dos Bombeiros da Coruña e de Protección Civil.

Xa no lugar dos feitos os servizos sanitarios atenderon e trasladaron á persoa ferida a un centro hospitalario.

Colisión múltiple
Ademais, tres persoas resultaron feridas esta tarde no Porriño nunha colisión na que se viron implicados outros tantos turismos. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, as tres persoas accidentadas foron trasladadas polos servizos sanitarios ao hospital Perpetuo Socorro.

O sinistro sucedeu no lugar da Florida, na parroquia de Torneiros, uns minutos antes das 15:00 horas.

Nada máis ter constancia do suceso a través dunha persoa particular, o persoal do 112 Galicia informou dos feitos ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros do Baixo Miño, a Protección Civil, á Policía Local e á Garda Civil de Tráfico.

Colisión entre coche e camión
Cómpre destacar tamén unha colisión entre un turismo e un camión que transportaba combustible en Vigo. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, neste accidente ningunha persoa resultou ferida nin tampouco se viu afectada a carga do camión.

Sucedeu no punto quilométrico 2 da AP-9V, sentido Norte.

Unha persoa particular alertaba dos feitos ao 112 Galicia uns minutos antes das 15:00 horas.

A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia informouse da situación á Garda Civil de Tráfico, ao servizo de mantemento da autoestrada, á  Policía Local, aos Bombeiros de Vigo e a Protección Civil.