Unha persoa perde a vida tras caer o vehículo que conducía ao río Tambre, en Santiago

1 minutes read

O condutor do vehículo faleceu tras caer o coche ao río Tambre, ao seu paso pola parroquia de Berdía, en Santiago de Compostela.

Foi un particular quen deu a voz de alarma ao 112 Galicia ás 14:55 horas deste sábado, ao informar de que un vehículo caera ao río e de que podía haber polo menos unha persoa no seu interior.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitouse a intervención do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Santiago, da Policía Local e da Garda Civil, así como de Protección Civil.

Poucos minutos despois, o particular volveu contactar co 112 Galicia para comunicar que conseguiran sacar o condutor do interior do vehículo e que, aparentemente, podería estar falecido.

Finalmente, o persoal sanitario desprazado ata o lugar confirmou o falecemento do condutor, que era o único ocupante do vehículo.