Unha persoa resulta ferida en Lugo despois de colidir o coche no que viaxaba contra un autobús

2 minutes read
  • Máis accidentes: en Boiro un neno chocou coa súa bicicleta contra unha furgoneta estacionada, e unha ciclista foi atropelada por un camión en Narón

Unha colisión entre un coche e un autobús que circulaban pola Rúa de Galicia, deixou esta mañá unha persoa ferida na cidade de Lugo.

O accidente ocorreu sobre as 11:00 horas. Un particular solicitaba asistencia sanitaria para o condutor dun turismo que chocara contra un autobús e indicaba que no bus viaxaba xente pero que non estaban feridos.

Testemuñas que presenciaron o accidente comunicaron ao 112 Galicia, que aínda que no turismo viaxaban dúas persoas, só o condutor necesitou ser trasladado polos servizos sanitarios. No autobús viaxaban 60 pasaxeiros, que por fortuna, resultaron todos ilesos.

No lugar do feitos atopábanse traballando axentes da Policía Local, os Bombeiros de Lugo e membros de Protección Civil.

Neno ferido
Por outra banda, pasados uns minutos das 11:15 horas, produciuse unha colisión entre un coche e unha bicicleta na Praia de Mañóns, en Boiro.

A Policía Local, alertada polo 112 Galicia, foi quen confirmou que se trataba dun neno que ía en bicicleta e chocara contra unha furgoneta que estaba estacionada. Os efectivos de Protección Civil da localidade e os Bombeiros tamén foron informados do suceso.

O menor foi trasladado polo persoal dos Servizos Sanitarios de Urxencias de Galicia-061 ao centro de saúde da localidade.

Ciclista atropelada
E unha antes, sobre as 10:15 horas, unha ciclista foi atropelada en Narón por un camión cando circulaban pola estrada que une Narón e Cedeira, á altura da rotonda de Castro, en Xubia.

Nada máis recibir a alerta dun particular, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informouse dos feitos ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Do mesmo modo, foron alertados os Bombeiros de Narón e os axentes de Tráfico e da Policía Local, así como, o persoal do servizo de mantemento da vía.