Os bombeiros liberaron a unha persoa que quedou atrapada no seu coche tras producirse unha colisión entre dous vehículos na estrada AC-546, ao seu paso polo concello de Santa Comba.
O 112 Galicia soubo deste sinistro cando un particular informaba dun accidente entre dous coches cunha persoa ferida, na parroquia de Fontecada.
De xeito inmediato, desde o CIAE-112 Galicia deuse aviso aos servizos sanitarios, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e ao Servizo Municipal de Protección Civil de Santa Comba. Ademais, tamén se informou aos Bombeiros da localidade que, finalmente, tiveron que acudir ao punto para liberar a ocupante do vehículo xa que, segundo sinalaban desde o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061, debido a que o coche se atopaba nunha gabia, era complicado inmobilizar á paciente.
Así, os bombeiros encargáronse de realizar os labores de excarceración para que os servizos sanitarios puidesen atender a muller en condicións de seguridade.
A maiores, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) tamén solicitou a intervención do servizo de mantemento de estradas para proceder á limpeza da vía.