O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, contrastou a “política construtiva” dos socialistas galegos coa postura negacionista do presidente da Xunta, ofrecendo un triple pacto en asuntos “de país”. O responsable socialista apuntou así a un acordo en servizos públicos, sinaladamente na sanidade, a partir da proposición de Lei do Grupo Socialista para limitar por lei as esperas en Atención Primaria ata un máximo de 48 horas. Así o dixo nun almorzo informativo en Ferrol, onde participou nas “Conversas no Parador” organizadas polo Club de Prensa.
Tamén propuxo un acordo en materia de I+D e Ciencia, como eixo para “aproveitar o potencial de desenvolvemento de Galicia” e a transferencia de coñecemento dende as tres universidades galegas, e finalmente, outro acordo urxente en materia de industria, e sinaladamente cun “desenvolvemento eólico responsable: eólicas si pero non á especulación, non de calquera maneira”. Amosouse “disposto a mollarme por grupos que coticen no país”, mentres hoxe “máis da metade” dos 16.000 MW corresponden a “grupos madrileños que cotizan en Madrid”, concluíu.