- As primeiras colocaranse este mércores 24, coincidindo coa celebración do Día de Rosalía, na rúa que leva o nome da escritora
Os casos activos por coronavirus na nosa Comunidade seguen baixando, pero a situación epidemiolóxica segue restrinxindo as concentracións ou eventos ao aire libre. Por este motivo, e para fuxir das accións que impliquen a concentración de persoas, desde as concellarías de Igualdade e Mocidade de Carballo estanse a desenvolver unha serie de accións conxuntas para visibilizar as desigualdades, sobre todo na poboación máis nova.
Así, desde este 24 de febreiro, coincidindo coa conmemoración do Día de Rosalía, e ata o 8 de marzo, Día da Muller, na localidade de Carballo instalaranse placas identificativas violetas en varias rúas que levan o nome das mulleres que traballaron a favor da igualdade. As primeiras colocaranse este mércores, ás 13:00 horas, na rúa Rosalía de Castro. As seguintes serán as rúas Carolina Otero, Clara Campoamor, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Luísa Villalta, María Barbeito, María Casares, María Mariño, Syra Alonso, Sofía Casanova, Xoana de Vega e Maruja Mallo.
Esta acción complementarase o día 8 coa colocación doutros elementos simbólicos en distintos puntos do municipio, así como a iluminación da Casa do Concello de cor morada e unha concentración telemática a través de carballoenrede.com.