Varios países expulsan a decenas de diplomáticos rusos acusados de espionaxe

1 minutes read

Bélxica, Irlanda, Países Baixos e República Checa expulsaron este martes a altos funcionarios das embaixadas de Rusia nos seus países, acusados de espionaxe para o Kremlin, no medio da guerra en Ucraína.

O Goberno belga informou da decisión de expulsar a 21 presuntos diplomáticos da embaixada rusa en Bruxelas e o consulado xeral en Anveres, que teñen 15 días para saír de Bélxica. «Foron identificadas tendo en conta a súa participación en operacións de espionaxe e influencia que ameazan a seguridade nacional», explicou a ministra de Asuntos Exteriores, Sophie Wilmès. Paralelamente, Países Baixos botou a 17 persoas, acreditadas como diplomáticas, porque estaban a actuar «secretamente como axentes de intelixencia».

O Ministerio de Exteriores de Rusia asegurou que o Kremlin responderá a todas as expulsións de diplomáticos. Letonia, Estonia e Lituania xa expulsaron a un total de 10 diplomáticos rusos nunha medida coordinada a principios deste mes, un movemento que foi respondido por Rusia aplicando a mesma medida.