Venezuela | Maduro gana sen sorpresas unhas eleccións con moi baixa participación

1 minutes read

O chavismo de Nicolás Maduro volveu a cantar vitoria nas eleccións lexislativas celebradas este domingo. Uns comicios que destacaron por unha baixísima participación, un 31% segundo fontes oficiais, e que ademais estiveron marcados polo boicot da oposición.

«O pobo elixiu aos seus novos deputados, ás súas novas deputadas. E tivemos unha tremenda e xigantesca vitoria electoral», reaccionou Nicolás Maduro en Twitter. O chavismo conseguiu o control do Parlamento tras estar en mans da oposición.

En segundo lugar quedou a coalición formada por Acción Democrática e o Copei, co 18 % dos apoios, seguida por Voluntad Popular, con algo máis do 4 %. Con todo, tal e como confirman en Euronews, estes partidos acudiron ás urnas intervidos e con líderes impostos polo Tribunal Supremo, despois de que as principais figuras da oposición, como Juan Guaidó, boicoteasen os comicios por consideralos un fraude.

Precisamente Guaidó pronunciouse en Twitter e recalcou que estas eleccións serviron para que «a ditadura se evidenciase».

Estes resultados non serán recoñecidos nin pola Unión Europea nin por Estados Unidos nin pola Organización de Estados Americanos, que consideran que non se dan as condicións para ser vistos como un proceso demócratico.