Vieiro levará a cabo diversas actividades con motivo do Día Mundial sen Alcol

1 minutes read

Durante a semana do 14 ao 18 de novembro, no ámbito escolar, levaranse a cabo uns talleres baixo o lema: “BebendoSaúde” co fin de previr o inicio do consumo desta substancia e informar acerca dos problemas asociados. Serán o alumnado de 5º e 6º de educación primaria dos centros escolares de Carballo, os/as destinatarios/as destes talleres nos que se celebrarán distintas actividades co fin de sensibilizar acerca dos riscos e o perigo do consumo de alcol.

En “BebendoSaúde” trabállanse mitos e realidades sobre o alcol e o seu consumo, o coñecemento das consecuencias do uso e abuso desta substancia co fin de aumentar a percepción do risco, as estratexias para o fortalecemento da autonomía estimulando as eleccións libres e responsables. Durante a implementación destes talleres, o alumnado experimentará a través da vista os efectos do abuso do alcol co uso dunhas lentes que simulan os efectos do abuso desta substancia. Os máis correntes simulados a través das mesmas son: redución do estado de alerta, tempo de reacción lento, distorsión visual, cambio na apreciación das distancias, redución na visión periférica, visión desdobrada, falta de equilibrio e de coordinación muscular.

No ámbito comunitario para conmemorar este día, a Asociación Vieiro organiza unha campaña na que participarán todos os concellos da Comarca de Bergantiños. Por iso, o martes, día 15 de novembro, cada un dos concellos irase iluminando de cor verde (cor corporativa da Asociación Vieiro), sendo durante esa noite cando se iluminen de forma conxunta todos os edificios dos concellos da comarca para conmemorar o Día Mundial sen Alcol neste 2022. Desde a entidade agradecen a boa disposición dos concellos á hora de participar nesta campaña de concienciación.