A asociación Vieiro, dentro da súa programación de prevención no ámbito xuvenil, oferta o Programa de prevención deportiva: “Xogo Limpo” destinado a todos os clubes deportivos do Concello de Carballo.
A través deste programa abórdanse as condutas aditivas relacionadas co consumo de sustancias e o uso das novas tecnoloxías.
Xogo Limpo está planificado para levar a cabo a través de obradoiros distribuidos en diferentes fases nas que se inclúen:
- Sesións formativas para responsables dos clubes deportivos (directores/as, adestradores/as e persoal técnico) sobre pautas de actuación ante a detección de condutas aditivas e,
- Obradoiros destinados e adaptados aos xogadores/as das diferentes categorías.
Nos obradoiros, de hora e media de duración aproximada, abórdanse as temáticas adaptadas a cada grupo de idade para potenciar os factores de protección fronte ás conductas de risco. Nestas xornadas trátase a prevención do consumo de sustancias, a potenciación de habilidades de resistencia á presión de grupo de iguais e os riscos asociados ao mal uso das novas tecnoloxías.
Co obxectivo de favorecer o desenvolvemento da intelixencia emocional, xestionar o proceso de auto regulación e adestrar a relaxación nos/as deportistas, levarase a cabo como actividade final e complementaria do programa “Xogo Limpo”, unha práctica dun exercicio meditativo a través do mindfulness, proceso psicolóxico centrado na experimentación plena do presente, que permite o recoñecemento e a xestión da ansiedade e o fortalecemento da mente co fin de reducir a resposta psicolóxica e lograr así mellores desempeños en escearios que de forma natural suscitan estrés.
Aqueles clubes que estén interesados en participar neste programa, totalmente gratuíto, pódense poñer en contacto coa Asociación Vieiro para determinar datas e horarios para a súa impartición a través de:
- Teléfono 981.75.61.61
- Correo electrónico vieiro@vieiro.org ou
- WhatsApp 604.07.58.15