Vigo acenderá este xoves o alumeado de Nadal


O Concello de Vigo procederá o vindeiro xoves, 3 de decembro (20:00 horas), ao acendido do alumeado de Nadal. O alcalde, Abel Caballero, explicou que o acto será presencial na árbore xigante, en Policarpo Sanz, pero cunha presenza mínima e sen afluencia de público para respectar as medidas de seguridade sanitaria impostas pola pandemia do Covid-19.

“Será sen apertura xeralizada e libre ao público, haberá representantes de asociacións culturais e veciñais en número moi limitado, sentados e con control absoluto do aforo”, sinalou o rexedor.

Ademais, destacou que o Concello establecerá medidas especiais en materia de tráfico e seguridade durante o Nadal para poder cumprir coas normas sanitarias motivadas pola pandemia do Covid-19. Co obxectivo de facilitar a mobilidade peonil e as distancias de seguridade no centro da cidade, Abel Caballero explicou que desde o 3 de decembro ata o 10 de xaneiro o tráfico quedarán cortadas diferentes zonas do centro da cidade entre as 17:00 ata as 23:00 horas.