A Xunta de Goberno Local deu luz verde este xoves á aprobación inicial do Proxecto de Urbanización do Polígono 2A do Plan Parcial de San Paio de Navia, que agora será sometido a información pública durante un mes. O alcalde, Abel Caballero, explicou que esixirá á promotora que o documento incorpore as modificacións que se fagan a través das alegacións que sexan estimadas, ou que acheguen os informes sectoriais ou as observacións técnicas referidas.
O rexedor deu conta do proxecto de urbanización que se ordena bloques de 4 e 5 plantas e vivendas unifamiliares, que se asentarán de forma gradual na transición entre o tecido da vella parroquia de Navia e os bloques de vivenda de maior altura do polígono que xa se executaron, quedando enlazadas por altura a Navia vella e nova. O ámbito ten unha dimensión de 44.500 metros cadrados con 337 vivendas previstas, cunha parcela de 9.500 metros, espazos verdes e zonas libres de 4000 metros cadrados, un viario de 17.000 e 180 prazas de aparcamentos públicos.