Vigo | Catro persoas atendidas por un incendio nunha vivenda

1 minutes read

Os veciños das vivendas dun edificio de seis plantas situado na Avenida de Castrelos, en Vigo, abandonaron na mañá deste domingo as súas casas despois de producirse un incendio nunha das vivendas do primeiro andar.

Ningún dos residentes tivo que ser trasladado. Sen embargo, catro persoas si se viron afectadas e tiveron que ser atendidas na mesma ambulancia que o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 derivou ata o lugar. 

Segundo informaron os Bombeiros da cidade ao 112, ardeu un salón dunha vivenda do primeiro andar, véndose afectadas polo fume todas as vivendas ata o cuarto andar.

Todo comezou cando unha veciña chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que tiña lume na vivenda, que non estaban feridos pero que non podían acceder á casa.

Nese momento o 112 Galicia puxo en marcha un operativo no que interviñeron os Bombeiros de Vigo e a Policía Local. Ademais, tras recibir o aviso doutros alertantes que advertían de que podía haber persoas feridas, posto que a xente estaba saíndo das casas, os xestores de emerxencia pasaron aviso de inmediato ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

O lume foi sufocado, pero os Bombeiros continuaron ventilando e revisando todas as vivendas do edificio.