O Concello de Vigo arrincou as obras de remodelación total da rúa Teixugueiras, do barrio de Navia, a pesar de ser construída hai pouco máis de 15 anos pola Xunta de Galicia. “A Xunta entregóunolo en pésimas condicións, de feito é unha rúa relativamente nova e xa a temos que humanizar”, argumentou o alcalde, Abel Caballero, quen oficiou o inicio da primeira fase da humanización, entre a rúa Lamelas e o acceso de peóns desde a estrada VG-20, que se completará a finais de 2024 coa intervención na segunda metade, dentro do proxecto de reformar e mellorar toda a rúa Teixugueiras. “Queremos que Navia se convirta nun modelo de entender unha zona urbana e que sexa un modelo e referente para toda España e Europa”, asegurou Abel Caballero ao indicar que a rúa conta con “unha arquitectura estupenda e é unha zona marabillosa”. O rexedor explicou que a obra conta cun orzamento de 2.6 millóns euros e un prazo de execución de 9 meses.
O proxecto contempla renovar os colectores, así como crear novas redes de saneamento e fecais, así como de augas pluviais. Ademais, derrubaranse as beirarrúas e pavimentos e retirarase o pavimento. Tamén se canalizarán as redes da iluminación pública e dos semáforos.
Abel Caballero anticipou que se manterá dous carrís por cada sentido de circulación e que se instalarán novos elementos decorativos, entre os que destacan tres esculturas e unha fonte luminosa, e lembrou que o pasado mes de outubro o Concello comezou a mellora integral do parque Nelson Mandela. O investimento realizado en Navia ascende a 4.179.325 euros.