O alcalde, Abel Caballero, detallou as partidas do orzamento para 2024 na área de Educación que se incrementa un 11% respecto ao 2023, o que supón 2,4 millóns de euros máis. O Concello mantén o convenio con Foanpas para as bolsas de comedor e as actividades extraescolares, que teñen un orzamento de 642.405 euros. A este importe cómpre sumar as axudas para libros, material escolar e comedor de Benestar Social por un importe de 1.427.700 euros. En total: 2.070.000 euros.
O programa de inmersión lingüística Vigo en Inglés contará cun orzamento de 3.000.000 de euros (546.600€ máis ca en 2023), dado que se produciu “un incremento de custo moi importante na estancia no Reino Unido e queremos seguir enviando cada ano entre 900 e 1000 mozas e mozos”. Amais, as bolsas para estudos internacionais que suman 175.000€ para a Escola Oficial de Idiomas
O orzamento municipal para 2024 contempla importantes partidas para a atención aos centros escolares: para a limpeza 3.594.185 euros, reparacións e mantemento de edificios de colexios 670.000 euros, mantemento de caldeiras calefacción e depósitos 139.194€, mantemento eléctrico: 45.000€, enerxía eléctrica: 1.025.000€, gas, combustible e carburantes: 70.000€ e para a vixilancia e pequeno mantemento ordinario dos centros escolares 925.000 euros. En total, o goberno de Vigo destina máis de 6.400.000 euros aos colexios públicos da cidade.
O alcalde explicou que as escolas infantís municipais teñen un orzamento para 2024 de 2.400.000 euros e son “completamente gratuítas para as familias, son pagadas polo Concello, incluído o comedor”.