A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e a xefa do Servizo de Planificación e Programación Hidrolóxica de Augas de Galicia, Belén Quinteiro, detallou as medidas paliativas e preventivas para minimizar o risco de enchentes nesta contorna.
Vázquez Mourelle explicou que o plan recolle 6 intervencións, baseadas en infraestruturas verdes, cuxos anteproxectos están redactados por parte de Augas de Galicia, de xeito coordinado cos técnicos municipais e de Protección Civil do Concello de Vigo.
En concreto, as actuacións planificadas son a mellora do espazo fluvial e da drenaxe do río no cruce coa avenida Severino Cobas, na Rega do Folón no cruce coa estrada Camposancos e na Avenida de Madrid; á optimización do espazo fluvial ao seu paso polo polígono do Caramuxo; e ás áreas de inundación controladas, en Sárdoma e en Lavadores.
Puntualizou que se propón executar nunha primeira fase 5 destas obras, pospoñendo a actuación de Lavadores á avaliación do funcionamento da área de inundación de Sárdoma.
O Goberno galego xa lle trasladou ao Concello de Vigo o plan e a proposta de colaboración coa que Augas de Galicia asumirá a execución e financiamento das obras e ao municipio lle corresponde a xestión dos terreos necesarios.
Unha vez asinado ese protocolo de colaboración, a Xunta avanzará na redacción dos proxectos construtivos para poder executar as obras. Coa fin de axilizar os prazos, valorarase a posibilidade de licitar conxuntamente proxecto e obra.