Villares presenta as listas de En Marea para as xerais

3 minutes read

Tras semanas de declaracións cruzadas e apelacións a unha improbable confluencia, esta semana ficaron despexadas todas as incógnitas no que atinxe á concorrencia electoral das forzas políticas que nas eleccións xerais de 2015 e 2016 se presentaron baixo as siglas de En Marea, denominación daquela adoptada pola coalición de Anova, Esquerda Unida e Podemos. O venres Anova ratificaba a ruptura das negociacións con Podemos e EU para presentárense en coalición e ao día seguinte, este sábado, En Marea presentou na Coruña as súas candidaturas tras o remate do proceso de primarias.

Coa recomposición destes espazos políticos nos titulares de todos os principais medios o voceiro de En Marea, Luís Villares, apostou por reivindicar a formación como “forza cidadá” que, dixo, “non se subordina aos partidos clásicos” e por iso “non ten obediencia de ningún tipo máis que o clamor social por ampliar dereitos”. Así o afirmou no acto convocado por En Marea na Coruña para iniciar simbolicamente a súa precampaña cara ao 28-A.

Villares di estar convencido de que En Marea pode ser quen de obter un apoio “maioritario” na cita coas urnas. “Estamos ante unhas eleccións nas que a cidadanía vai ter ocasión de escoller o proxecto político que mellor se acomode aos seus intereses”, evidencia, e a súa oferta será a de “candidatas e candidatos que representan a diversidade social; xente que vén do mundo do traballo, do feminismo, do ecoloxismo”.

Son candidaturas, agrega, que pretenden obter “representación en clave democrática, social e nacional” como primeiro paso para que En Marea sexa “decisiva” no futuro de Galicia. Neste sentido, asegura, as “únicas condicións” para “integrar esta candidatura” foron “poñer a ética por riba de calquera outra consideración” e amosar un “compromiso firme e decidido coa igualdade, co progreso social, coa idea de cohesión territorial” de Galicia e “co desenvolvemento socioeconómico do noso país”. Tamén, afirma, implican a asunción de “espazos políticos abertos e transparentes”.

Luís Villares pronunciouse deste xeito poucas horas despois de, ao ser cuestionado tanto pola decisión de Anova de non concorrer ás xerais como polo feito de que En Marea e a coalición de Podemos e EU vaian competir electoralmente, advertise de que o acontecido non pode considerarse como unha “ruptura” da confluencia. “Uns poucos decidiron abandonar o barco” ao non participar nas primarias de En Marea que, subliñou, rexeitou confeccionar candidaturas mediante “acordos de despacho”.

O acontecido non implica, matizou, que En Marea vaia competir noutros espazos como as propias municipais coruñesas nas que, subliña, apoia á Marea Atlántica. “Se eu estivese censado na Coruña, votaría á Marea Atlántica”, sintetizou Villares.


Aspirantes de En Marea ao Congreso e ao Senado, con Villares na presentación das candidaturas CC-BY-SA En Marea
Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?